Unha mostra recrea o Xogo da Oca como símbolo do Camiño

Posted on Updated on

oca9.jpg 

O xogo da oca é menos inocente de que cabería pensar. Iso de «de oca a oca e tiro porque me toca», a mágoa de caer coa ficha no pozo e agardar alí tres xogadas, dúas se che cae na cadea ou, non lembro xa cantas se a mala racha te leva á pousada, non naceu para divertir aos nenos nin para que as señoras pasen unha tarde entretida. Non. Ao parecer foi ideado na Idade Media, aló polo século XII, e moitos defenden que foron os Templarios na súa labor de gardiáns dos santos lugares. Outros sitúano noutros contextos, pero todos coinciden no simbolismo dun xogo iniciático, de itinerario cara ao coñecemento supremo, á perfección. Unha metáfora da vida, do home como peregrino na terra ao fin e ao cabo.

E se mesturamos Templarios, Camiño de Santiago e Idade Media resulta que o xogo da oca descrebe con símbolos a ruta cara a meta santa de Compostela e Fisterra. Luisa Rubines, unha nova artista lucence afincada en Londres dende 1994, recrea esta idea nunha exposición que se inaugura o día 22 no Museo das Peregrinacións. Ela está convencida de que o famoso xogo reproduce con metáforas o Camiño de Santiago, e tenta demostralo cunha montaxe na que mostrará as fotos que realizou ao longo da ruta, textos nos que, a modo de diario, foi recollendo as súas reflexións e vivencias como peregrina, e un gran taboleiro no chan dunha sala do museo no que os visitantes serán as fichas e as 63 cuadrículas as etapas do Camiño. A ese xogo se dedicaban, segundo as teorías a prol de que representa o Camiño, os iniciados que non podían facelo físicamente.

A artista recorreu a ruta xacobea varias veces dende o 2001. E coas súas fotografías amosa o paralelismo de determinados puntos xeográficos do itinerario cara a tumba do Apóstolo co simbolismo do contido das casiñas. Así, para Luisa Rubines, as pontes da oca son as de Viscarrel e Puente la Reina; a pousada é Logroño; o pozo cae en Castrojeriz; a cadea está en Valcárcel e a morte en Santiago. A meta do xogo, no que aparece un cisne e unha doncela, é Fisterra, onde se acada a renovación, a transformación e o coñecemento.

A montaxe forma parte do programa expositivo do Museo das Peregrinacións, no que vén traballando dende hai tempo, de acoller propostas relacionadas co sentimento das peregrinacións e coa idea do Camiño de Santiago. Neste caso, a montaxe forma parte do proxecto para iniciativas de novos creadores. A filosofía que hai detrás do xogo da oca está fundamentada dun traballo da profesora da Universidade da Coruña Sagrario López, que aparecerá no catálogo da exposición.

O museo ten preparado un programa de actividades didácticas para alumnos de primaria e de secundaria, e tamén para xente da terceira idade. Disporán dun monitor que, ademais de guialos nun percorrido pola montaxe, proporalles xogar á oca no taboleiro xigante con determinados conceptos.

tablejillero.jpg

by Concha Pino in http://www.lavozdegalicia.es