Os templarios en Sarria

Posted on Updated on

sarria1.jpg 

Agora que está de moda falar dos misteriosos cabaleiros do Temple, é bon lembrar que en Sarria houbo presencia templaria, cando menos a nivel de posesións, xa que outra cousa diferente é que se teña dado a presencia efectiva de monxes-guerreiros, ou mesmo de asentamentos fixos onde fixesen vida de asistencia aos pelegríns.

Por un documento do 1254, procedente do arquivo catedralicio de Lugo, sabemos que eran entón posesións dos Templarios (« fratres Militiae Templi ») as seguintes igrexas: Vilaescura, Canaval, Espasande, San Xurxo, Canedo, San Sadurniño de Bacorelle, o couto de Santo Estevo de Barbadelo, San Fiz do Ermo, Marzán, Carteiro, San Xoán da Pregación, Valadra, Taboada, Santa Cruz de Asma, Noceda, Deza, San Vicenzo de Sixto…

Ademais de Santo Estevo de Barbadelo, outras posesións existentes arredor da actual vila de Sarria aparecen reflectidas nunha escritura do ano 1371 pola que don Pedro, «conde de Trastamara, de Lemos e de Sarria e do Bolo de Viana, señor de Robreda e pertigueiro maior de Terra de Santiago», fai doazón ó mosteiro de Santa María Madalena de Sarria de «las mis heredades del casar de la Veiga e de Celeiro e de Manán que fueron de la horde del Temple», doazón esta que levou a moitos lectores con presa e pouco rigor a sinalar a fundación do mosteiro da Madalena como atribuíble aos templarios, erro repetido unha e outra vez en publicacións pouco rigorosas, e que xusto é desbotar, pois a honra fundacional correspóndelles a uns anónimos frades italianos a quen os nosos devanceiros veneraron no seu enterramento baixo o nome de corpos santos .

sarria.jpg

Fortificación

Sobre o asentamento templario en Santo Estevo de Requeixo, preciso sería complementar as referencias documentais con investigacións sobre o terreo, xa que a existencia dun inmediato castro podería apontar á existencia dalgún tipo de fortificación con presenza de monxes-guerreiros, protectores da Ponte Vella e da ponte ou peares no río Barbadelo (hoxe Celeiro). A existencia nas inmediacións da Ponte Vella do microtopónimo Portomarín, leva a considerar que esa ponte tivo, denantes da fundación da Vilanova de Sarria, unha importancia estratéxica e de protección aos pelegríns, pois é moi probable que o primitivo trazado da estrada xacobea pasase por Mendrós (Mendrois en vellos papeis), igrexa de Vilar de Sarria, Campo de Santo Alberte, A Ponte Vella, Pradeda, Corga de Formigueiros, e por Santo Estevo seguise cara Portomarín. O nome de Ponte Vella di, ben ás claras, que na súa orixe é máis antiga que a Ponte Ribeira. Cando se consolida a Vilanova de Sarria o camiño pasa para máis ao sur, á procura do acougo vilego e a asistencia hospitalar dos madalenos.
Os lugares de Veiga do Pozo, Celeiro, Requeixo, e Santo Estevo, xunto coa ampla zona comprendida entre o actual río Celeiro e o Campiño (á altura do cine Cissa) formaban parte da parroquia de San Vicenzo de Maside, incluíndo na súa xurisdicción, andando o tempo, o Hospital de San Lázaro destinado a gafos. Esa parroquia de San Vicenzo de Maside, da que hai referencias aínda no século XVI, desapareceu e foi absorbida pola de San Pedro de Maside, quedando limitada a leste desde 1890 polo río Celeiro, xa que a casa da Veiga (antes Veiga do Pozo) e os barrios de San Lázaro, A Estación e Estrada de Lugo (zona do forno de Pallares) integráronse na parroquia de San Salvador de Sarria. Aqueles monxes-guerreiros da orde do Temple viron ocupadas as súas posesións polo conde de Lemos e Sarria e pola orde de San Xoán, e non quedou deles referencia ningunha na nosa comarca, sinal de que quizá só posuísen herdades isoladas e lugares, e non asentamentos onde axudar aos peleríns.

Agora que todos andan na procura de sinais e misterios ocultos, as únicas ocas esotéricas que por aquí pululan son as da presa do Toleiro, ás que os nenos e os visitantes dedican especial atención, mais non gardan sinais ou elementos arcanos.

Por Xaime López Arias , in Voz de Galicia